Thursday 16 de May de 2024

Adxudicado o desbroce de marxes ao longo de 81 kilómetros de camiños públicos de Riveira


A xunta de goberno local do Concello de Riveira procedeu á adxudicación dos traballos de desbroce de marxes e a apertura de cunetas nos camiños públicos das nove parroquias do termo municipal.

Entre as 16 ofertas presentadas, o adxudicatario resultou ser José Benito Sampedro Vizcaya, cun prezo total de 22.065,06 euros, IVE incluído.

A diferenza doutros anos nos que este proceso se demorou demais, mañá mesmo comezan os traballos de desbroce, que abranguen unha lonxitude total de 81.338 metros, incluíndo:

• Desbroce e limpeza de marxes de camiños (eliminación de cobertura vexetal dos bordes da plataforma de camiños municipais con medios mecánicos, con axuda manuel se fose necesario, incluíndo desbroce do espazo comprendido entre o pavimento e o límite das propiedades privadas colindantes)

• Apertura de cunetas(extracción dos materiais que se depositen nas cunetas, rasanteado paredes e fondo para conseguir unha óptima evacuación de auga e incluíndo o desbroce previo da superficie e a carga, transporte e xestión de residuos en lugar autorizado).

Desbrozadora de brazo articulado
Pronto será adxudicada tamén a adquisición dunha desbrozadora de brazo articulado para acoplar no tractor municipal, o que permitirá que persoal do Concello poida reforzar este tipo de labores noutros camiños do municipio. O importe de licitación desta acción é de 20.570 euros, IVE incluído.